jueves, 15 de junio de 2017

ESCALAS, ÁREAS E VOLUMES

Os alumnos de 2º ESO neste terceiro trimestre traballaron coas escalas e tamén calcularon áreas e volumes de corpos xeométricos.
Que mellor forma de facelo que adicandose a tomar medidas no seu entorno máis próximo: a aula, o propio centro e o seu recinto.

martes, 13 de junio de 2017

Magritte e as nubes

Na Aula 1 aprendimos os nomes mais importantes das nubes. Tamén aprendimos que un pintor chamado Magritte pintaba nubes (cúmulos)nos seus cadros. Vimos que as nubes cambian a paisaxe, e sabemos que nubes son as que traen chuvia.

domingo, 11 de junio de 2017

CALIGRAMAS

DEBUXO- POESÍA. 4º ESO

Elementos que se xuntan para facer un todo, ao que tamén Nia Perona, alumna de 4º da ESO sumou a natureza. Cando traballamos este curso a poesía de vangarda a rapazada estivo xogando e creando poemas cuxos versos representaban diferentes formas. Os de Nia  debuxaban unha paisaxe que nos é ben coñecida: montañas, sol e lúa acadan o seu protagonismo.

Caligrama creado por Nia Perona, 4º ESO



Altos cumes que se alzan, xigantes da terra
vermella e rochas que choran, e herbas
que bailan aos pés dunha altura descomunal.
Un sol que berra cores que o eco absorbe.
A vida nos teus brazos.
Toda a luz na túa alma.
que gardas ouro, do mellor.
E a lúa que chora
porque ten que matarte
todas as noites frías.
E que se esconde no día
avergoñada por saír
en noites murchas de melancolía.








viernes, 9 de junio de 2017

Herbario 1º da ESO

O alumnado de 1º da ESo fixo un traballo excepcional recollendo plantas e follas. Traballaron coa sua profe Gloria e ata aprenderon os nomes en latin das plantas e follas que recolleron.


jueves, 1 de junio de 2017

Coñecemos o ceo

O ceo forma parte da paisaxe. O alumando da ESO traballou facendo fotos do ceo en diferentes momentos do ano e viron como cambiaba a paisaxe dependendo das luces e sombras proxectadas polas nubes ou pola ausencia delas. Foi un traballo interesante.







Intervención natural

En 1º da ESO na asignatura bilingüe de Ed.Plásticva o alumnado fixo unha intervención en elementos traídos do río Lamas (paus, pedras e follas). Os traballos podedes velos no Instagram do Instituto facendo click @galerialbei










miércoles, 31 de mayo de 2017

Monotipos con vexetais

O alumando de 3º da ESO aproveitando a sua segunda saída ao río Lamas recolleu vexetais nas suas beiras para poder facer na clase de Ed.Plástica monotipostipos tanto positivos como negativos.
Podedes ver todas as fotos do gran traballo no Instagram do Instituto, facendo click @galerialbei












domingo, 28 de mayo de 2017

Carta aos que veñan

         

    Con este título Carla Osorio López, alumna de 2º ESO,
gañou o primeiro premio (Categoría C-1º e 2º ESO)  do certame de narrativa curta convocado pola Asociación Cultural Antaruxas Sorteiros da Fonsagrada co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. Trátase dun relato en forma de carta centrado nun futuro no que o noso planeta Terra non logra sobrevivir, aínda que a humanidade si. Un conto que vos recomendamos que leades porque conivida á reflexión e ao desexo de coidar o noso planeta.

Parabéns, Carla!!!!!




CARTA AOS QUE VEÑAN
3 de febreiro de 2099, Galicia, ou o que queda de ela.

Chámome Roi, teño trinta e catro anos, formo parte do actual exército de “C” un planeta pertencente á constelación de Acuario descuberto hai oitenta e dous anos pola NASA.
Poderíamos dicir que este descubrimento salvou aos sete mil cincocentos millóns de habitantes no antigo planeta ao que tratábamos de Terra.
Poñámonos en situación: calquera que tivera a oportunidade de vivir na Terra sabe como esta foi sufrindo os efectos da vida humana, o que ao longo dos anos puidemos ir apreciando; retrocedamos uns tres millóns de anos atrás: Homo Sapiens; aparece unha especie de primates con trazos bastante humanos: comeza a alimentarse do que a Terra lle proporciona, caza os animais que aínda podían convivir con eles e comeza a evolucionar, chegan outras especies de Homo, cada vez máis humanos e destrutores: traballan a pedra, extraen os minerais e todo o que van descubrindo das entrañas do planeta, pescan, inventan o lume e demais artefactos que serán bisavós dos que nun futuro destruirán a Terra, destrúe ecosistemas para satisfacerse a eles mesmos, buscan a comodidade, provocan a extinción de moitas especies, protagonizan guerras e guerras entre uns e outros...botemos a vista atrás: nunca vos preguntastes por que agora estamos habitando en “C” e non puidemos seguir na Terra? Non vos preguntastes por que agora só quedamos tres mil cincocentos millóns dos sete mil cincocentos que habitabamos na Terra? Eu si, e aquí está a resposta: NÓS.
Nós e os nosos antepasados destruímos a Terra coas nosas casas, coas nosas festas, coas nosas guerras, cos nosos aerosois e co noso tabaco, coas nosas industrias, coas nosas cacerías; con nós mesmos.
E por isto mesmo, estou escribindo esta carta, vinte anos despois de que os máis privilexiados puideramos sobrevivir coa morte da vida na Terra e instalarnos en “C”, tras moito tempo viaxando nunha nave que os da NASA fixeran prevendo o que nun futuro pasaría.
O que non vos terá sentido será o lugar dende o que ,ao principio da carta, vos sinalei que estaba. Estou en Galicia? Non, non o estou, pese aos meus desexos de voltar todo atrás e evitar a destrución da Terra, de non perder aos meus seres queridos, de voltar a bañarme no río Miño polo verán, camiñar polas mañás na Muralla de Lugo. A que ven entón esa ubicación? Da miña familia, habitando actualmente en “C” só quedamos eu, miña nai (a cal sofre de graves problemas pola adaptación á nosa nova situación) e meu curmán Alfredo. Só quedamos tres, máis ben dous e medio da gran familia que tiñamos na Terra, en Galicia; pero,  tanto me deu Galicia, tanto a boto de menos, tanta tristeza me deu ver en que a convertemos...nós somos Galicia...o que queda de Galicia. E como nós, o resto. Só Deus, ou… no que se crea neste planeta saberá en que rematará todo isto, morreremos todos e acabarase a vida humana? Revivirá a Terra tras o dano que lle fixemos? Que será de nós?
Se saímos adiante, non será por moito tempo, pero sexa o que veña detrás nosa, agardo que encontre esta carta para saber a nosa historia e, con algo de sorte, que non cometan o mesmo erro que todos os humanos cometemos no seu día.
Pídolle perdón en nome de todos á Terra, e doulle grazas por permitirnos a todos nalgún momento disfrutar ao seu pesar.

Roi Peña Prieto


                                                 

lunes, 22 de mayo de 2017

Cambios na paisaxe

O alumando de 3º da ESO fixo en Ed.Plástica un traballo espectacular sobre a paisaxe e os seus cambios. Por medio de fotografías tomadas en diferentes momentos do ano e do día, podemos apreciar os cambios que se producen na paisaxe. Aquí tedes os traballos de Inés, Isabel e Javier. Podedes ver os demais traballos no Instagram do Instituto facendo click aquí: @galerialbei