Con este título
Carla Osorio López, alumna de 2º ESO,
gañou o primeiro premio (Categoría C-1º e 2º ESO) do certame de narrativa curta convocado pola Asociación Cultural Antaruxas Sorteiros da Fonsagrada co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. Trátase dun relato en forma de carta centrado nun futuro no que o noso planeta Terra non logra sobrevivir, aínda que a humanidade si. Un conto que vos recomendamos que leades porque conivida á reflexión e ao desexo de coidar o noso planeta.
Parabéns, Carla!!!!!
CARTA AOS QUE VEÑAN
3 de febreiro de 2099, Galicia, ou o que queda de ela.
Chámome Roi, teño trinta e catro anos, formo parte do actual exército de “C” un planeta pertencente á constelación de Acuario descuberto hai oitenta e dous anos pola NASA.
Poderíamos dicir que este descubrimento salvou aos sete mil cincocentos millóns de habitantes no antigo planeta ao que tratábamos de Terra.
Poñámonos en situación: calquera que tivera a oportunidade de vivir na Terra sabe como esta foi sufrindo os efectos da vida humana, o que ao longo dos anos puidemos ir apreciando; retrocedamos uns tres millóns de anos atrás: Homo Sapiens; aparece unha especie de primates con trazos bastante humanos: comeza a alimentarse do que a Terra lle proporciona, caza os animais que aínda podían convivir con eles e comeza a evolucionar, chegan outras especies de Homo, cada vez máis humanos e destrutores: traballan a pedra, extraen os minerais e todo o que van descubrindo das entrañas do planeta, pescan, inventan o lume e demais artefactos que serán bisavós dos que nun futuro destruirán a Terra, destrúe ecosistemas para satisfacerse a eles mesmos, buscan a comodidade, provocan a extinción de moitas especies, protagonizan guerras e guerras entre uns e outros...botemos a vista atrás: nunca vos preguntastes por que agora estamos habitando en “C” e non puidemos seguir na Terra? Non vos preguntastes por que agora só quedamos tres mil cincocentos millóns dos sete mil cincocentos que habitabamos na Terra? Eu si, e aquí está a resposta: NÓS.
Nós e os nosos antepasados destruímos a Terra coas nosas casas, coas nosas festas, coas nosas guerras, cos nosos aerosois e co noso tabaco, coas nosas industrias, coas nosas cacerías; con nós mesmos.
E por isto mesmo, estou escribindo esta carta, vinte anos despois de que os máis privilexiados puideramos sobrevivir coa morte da vida na Terra e instalarnos en “C”, tras moito tempo viaxando nunha nave que os da NASA fixeran prevendo o que nun futuro pasaría.
O que non vos terá sentido será o lugar dende o que ,ao principio da carta, vos sinalei que estaba. Estou en Galicia? Non, non o estou, pese aos meus desexos de voltar todo atrás e evitar a destrución da Terra, de non perder aos meus seres queridos, de voltar a bañarme no río Miño polo verán, camiñar polas mañás na Muralla de Lugo. A que ven entón esa ubicación? Da miña familia, habitando actualmente en “C” só quedamos eu, miña nai (a cal sofre de graves problemas pola adaptación á nosa nova situación) e meu curmán Alfredo. Só quedamos tres, máis ben dous e medio da gran familia que tiñamos na Terra, en Galicia; pero, tanto me deu Galicia, tanto a boto de menos, tanta tristeza me deu ver en que a convertemos...nós somos Galicia...o que queda de Galicia. E como nós, o resto. Só Deus, ou… no que se crea neste planeta saberá en que rematará todo isto, morreremos todos e acabarase a vida humana? Revivirá a Terra tras o dano que lle fixemos? Que será de nós?
Se saímos adiante, non será por moito tempo, pero sexa o que veña detrás nosa, agardo que encontre esta carta para saber a nosa historia e, con algo de sorte, que non cometan o mesmo erro que todos os humanos cometemos no seu día.
Pídolle perdón en nome de todos á Terra, e doulle grazas por permitirnos a todos nalgún momento disfrutar ao seu pesar.
Roi Peña Prieto